SINOPSE
CUÑADOS é unha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia.
Eduardo e o seu cuñado Sabonis acaban de meter a pata nun dos seus negocios e precisan cartos. Moitos cartos. Será Sabonis quen lle atope a solución ao problema secuestrando a Modesto, cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e os deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar un peso polo seu cuñado. Mais é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Eduardo, Sabonis e Modesto téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.
Duración: 92 minutos
Idioma: Galego (tamén dispoñible V.O.S.E e V.E.)
Ano: 2020
Localizacións: Ourense
Data de estrea: 9 de abril de 2021
Distribuidora: Filmax
EQUIPO ARTÍSTICO
Xosé A. Touriñán: Sabonis
Miguel de Lira: Eduardo
Federico Pérez Rey: Modesto
Eva Fernández: Mati
Iolanda Muiños: Cuca
María Vázquez: Peque
Mela Casal: Aurelia
EQUIPO TÉCNICO
Director: Toño López
Guionista: Araceli Gonda
Produtor executivo: Alfonso Blanco
Directora de produción: Ana Míguez
Director de fotografía: Jaime Pérez
Director de arte: Andrea Pozo
Editora: Lu Rodríguez (AMAE)
Música orixinal: Santi Jul, Iván Laxe
Son directo: Alfonso Couceiro
Vestiario: Saturna
Maquillaxe e perruquería: Chicha Blanco
OS CUÑADOS
O "malo será" é a súa absoluta filosofía de vida. Sensible, inxenuo e arroutado. Foi xogador profesional do Club Baloncesto Ourense (COB), o seu futuro prometía, pero tivo unha lesión e desde aquela non levanta cabeza.
É un home tranquilo, positivo e que sempre busca a maneira de arranxalo todo. É un bo profesional e gústalle facer as cousas ben, mais cando Zamora lle propón un negocio e ve que a cousa é algo irregular, non atopa a forma de dicir que non.
É o cuñado de manual, un “bocas” sociable que vive do conto. Experto en todo, en realidade non sabe moito de nada, a non ser de viño. Cun encanto natural e simpatía, vai contando por todo Ourense que el é quen controla no emporio Zamora.
AS IRMÁS
Independente e responsable. Mati é policía e para ela a familia é todo. Leva moitos meses traballando nun caso coa policía portuguesa e non vai deixar que las tolarías dos seus cuñados arruínen a operación.
O que máis lle gusta do seu matrimonio con Eduardo é o ben que o pasan xuntos: el faille rir a ela e ela faille rir a el. Cuca é esperta e sempre está disposta a acometer novas aventuras empresariais.
Casou namorada dun home que tiña un futuro prometedor. Pero as cousas mudaron e por moito que faga non é quen de facer que mude el nin de que volva coller as rendas da súa vida, ou iso cre.
AVOA
Aurelia é unha muller da súa casa, capaz de manexar un marido e tres fillas, ás duras e ás maduras. E de manter a familia ao seu redor.
NETAS
Antía quérelles moito a todos, pero con quen mellor o pasa é con seu pai (Sabonis), a quen segue en todo. O de Moraima xa é outra cousa, saíu á avoa.
A FAMILIA
“Un millón en man, tracatrá!”
“Cuñados é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista, que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e de compaixón; e que tal vez tamén nos serve para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor. Atráeme ver como se establece un divertido xogo de complicidade co espectador no que os protagonistas nos dan pena, pero á vez estamos desexando velos nesas situacións delirantes, nunha especie de pracer culpable.
É unha película sobre tres tipos que están a facer algo criminal por primeira vez e non lles sae. Cada vez se meten en más líos, pero fano por un motivo noble, salvar a familia. Retratamos unha familia típica galega, que xira en torno a catro mulleres que son un pouco a antítese dos protagonistas. Son mulleres fortes, que falan moito entre elas e isto ao final fai que saiban resolver os problemas.”
O DIRECTOR:
Toño López
TRAXECTORIA ‘Cuñados’ é o debut de Toño López na gran pantalla. A súa carreira estivo ligada principalmente á televisión, onde empezou como director da exitosa serie de Televisión de Galicia ‘Mareas Vivas’. Dirixiu tamén para Televisión de Galicia a sitcom ‘4º sen ascensor’, a serie ‘Matalobos’ ou a comedia ‘Luci’. Ligada ao seu vínculo con con Portocabo dirixiu outra comedia para la televisión canaria titulada ‘La Revoltosa’. O seu traballo logra proxectarse á esfera internacional con ‘The Avatars’, sitcom xuvenil rodada en inglés con actores americanos para o mercado internacional e que foi vendida con éxito a máis de 15 territorios.
Na actualidade atópase inmerso na produción doutro proxecto internacional, ‘Auga Seca’, coprodución hispano-portuguesa, da que dirixiu as dúas temporadas. A serie foi producida para RTP e TVG e é a primeira serie en galego en acadar con éxito a plataforma de streaming HBO.
O PRODUTOR:
Alfonso Blanco
“Cuñados é a primeira longametraxe de Portocabo; para este debut eliximos unha comedia, un xénero que tiñamos moitas ganas de volver traballar.
O humor, a retranca, a ironía, o sarcasmo forman parte activa da nosa forma de ser, e por iso en Galicia hai unha gran tradición de comedia tanto no teatro como na televisión, pero o cinema non recolleu esta singularidade cultural. Con Cuñados quixemos facer a primeira gran comedia galega.
A viaxe foi apaixonante e as decisións tomadas polo camiño resultaron ser acertadas; unha talentosa guionista como Araceli Gonda, particularmente dotada para a comedia, un guion escrito a medida de Xosé Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez, tres dos mellores actores cómicos do país, a sensibilidade e o agarimo polos personaxes que o director Toño López conseguiu trasladar á súa ópera prima, a luz de Jaime Pérez, realista e con carácter, a música de Santi Jul e Iván Laxe, o fío que termina de tecer esta comedia de enredo. E por último, e non menos importante, a localización da historia en Ourense, unha cidade de interior pouco retratada e visualmente atractiva, foi a guinda que lle deu a singularidade necesaria a esta película. Os elementos argumentais ourensáns utilizados son moitos; a cultura deportiva do COB (Club Ourense Baloncesto), a música de Lamatumbá, o viño do Ribeiro, o polbo, as comuñóns…. Como ouresano que son foi un goce enorme poder xuntar estas vivencias e sensacións propias na nosa primeira produción cinematográfica”.
Alfonso Blanco – produtor
“Pero isto non é Mexico, é Ourense, ou non o ves!”
Cuñados está rodada integramente en Ourense e arredores. E a súa importancia na trama do filme é de gran relevancia. O personaxe de Sabonis, que herda o seu alcume pola súa gran habilidade que recorda a destreza do xogador lituano Arvydas Sabonis, era unha promesa do Club Ourense de Baloncesto ata que unha lesión o afastou das canchas. Incapaz de refacer a súa vida, Sabonis vive atascado no pasado, ata que descobre que ten moito máis que perder. É interesante destacar o feito de que un equipo dunha cidade do interior de Galicia alcance o nivel de liga profesional de baloncesto de España, pois fala dunha cidade entregada en apoiar o deporte, un elemento que era importante sinalar.
FILLAS DO RIBEIRO
Outro elemento que vincula a historia á zona é a trama que xira en torno á elaboración dun viño familiar chamado Fillas do Ribeiro. O pai de Cuca, Mati e Peque era un home da terra, creceu na tradición vinícola e montou a súa propia adega. As tres irmás están a piques de relanzar a adega familiar logo da morte do patriarca. A zona do Ribeiro é coñecida pola gran calidade da súa produción vinícola. Dentro das actividades de promoción da película contamos coa colaboración do Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeiro. O Consello organizou un concurso de cata para elixir o novo viño que representará a Denominación para os anos 2020-2021. Este viño vai levar a etiqueta deseñada para a ficción do viño familiar Fillas do Ribeiro e servirá como promoción do filme, así como de emblema dos grandes viños da zona. Viños que mesturan con sabedoría e intelixencia a tradición coa innovación, temas moi presentes na película.
“Aquí facemos
cultivo ecolóxico”
A MÚSICA DE CUÑADOS
Para a película Cuñados queriamos contar con algún grupo músical que se identificase con Ourense. Un son que dotase á película dun aire festivo. Lamatumbá, unha banda nada na cidade en 1998 e que está considerado un dos maiores expoñentes da música galega, encaixaba perfectamente. A música de Lamatumbá achega enerxía, ecos festivos, mesmo sons de verbena. Un son que nos apaixona, que se identifica tanto coa historia como coa contorna, e que constitúe unha suma importante á película. Foi unha experiencia moi bonita xa que a película serviu para xuntar de novo aos integrantes do grupo.
MAKING OF
En pouco máis de 10 anos, Portocabo posicionouse como unha produtora de referencia nos principais mercados europeos, establecendo unha rede de alianzas para producir ficción para o mercado global e abrindo España á coprodución internacional de ficción televisiva. Á fronte da compañía, Alfonso Blanco é hoxe un dos produtores executivos e showrunners máis importantes do país.
Neste tempo Portocabo produciu títulos de éxito como Hierro, un crime drama en coprodución con MOVISTAR+, ARTE France e Atlantique Productions; o drama policial Auga Seca en coprodución con SPi para RTP e TVG, que é a primeira serie en galego en formar parte do catálogo da plataforma HBO; o drama romántico Vidago Palace, unha coprodución con HOP! para TVG e RTP; ou Os fillos do sol, tv movie coproducida con Diagonal TV para TVG e TV3, por mencionar algunhas.
A excelencia das súas series viuse refrendada con múltiples galardóns. Entre outros, o premio Ondas á mellor serie para Hierro, que tamén levou o premio Feroz á mellor serie dramática, o premio Zapping á mellor serie, o premio MIM series á mellor actriz, o premio Iris ao mellor guión, varios premios Mestre Mateo en distintas categorías e o galardón do Festival Zoom de televisión. Ademais foi finalista de premios internacionais, entre os que destaca o Venice TV Awards.
Fotografías © Jaime Olmedo